A etapa de Punta Candieira estivo marcada pola imposición das altas presións na atmosfera, o que redundou en tempo case solleiro e temperaturas mornas, que unido a un vento sur/suroeste de gama baixa, deixou unha xornada con pouca amplitude térmica, precipitación case inexistente e vento frouxo para a zona de xogo.
As mínimas non baixaron dos 9º C. na madrugada, alta para a época do ano, pero agardada nun espazo preto do mar. Ata 0.3 litros recolleu a cubeta na mañanciña do domingo, pouco máis que condensación polo abrente do día. A temperatura máxima acadóuse nun mediodía anubrado que fixou en 12º C. cara a hora do vermú. O refacho de vento foi subindo de intensidade despois do amencer e xa cara a noitiña marcaba o seu máximo en 48 km/h., por baixo do agardado pola maioría de meteoludópatas.
Estes resultados deixan coma vencedores en Punta Candieira a Sarabia e Punteiro. Ambos puntúan de maneira similar nos tres parámetros. Dous puntos de perda nas temperaturas, enchente en pluviosidade por baleiro e un punto de perda no vento fai que aconta remate en 57 puntazos.
Con 56 puntos atopamos a Breogán77, con bos resultados nas derradeiras etapas e subindo posicións, e a Jose Lopez, na mesma zona da xeral e tamén ascendendo.
Ata 5 xogadores comparten puntuación con 55 puntos.Xowi e Botikas seguen na loita no Top-5 da xeral. Modesto e Víbora pelexan por entrar no Top-10, mentras Oscar navega no posto 29 da clasificación.
54 puntos suman Verducido, Julio, Juanito Caminante, Popolo e Marius, dentro do Top-10. Ocandepavlov, Lume e Michi comparten espazo na zona do posto 20. Belenchis suma o mesmo valor, pero máis aló do 30º lugar.
O liderato segue en poder de Verducido, que incrementou a vantaxe sobre Beocha ata os 9 puntos. Ésta á sua vez perde parte da distancia co grupo “soicida”, que queda a 5 puntos. A orde deste grupo non ven marcado na xeral, pois ainda cos 3 empatados, a superioridade é de Botikas, polas vitorias. A seguir, Julio e tras él, Xowi. Este grupo tamén expande a vantaxe sobre os persecutores, que agora está en 7 puntos. A parella de cazadores está composta por Nanuq e Juanito Caminante e manteñen unha distancia de 8 puntos sobre Aki, en terra de ninguén. Punteiro tenta recortar a vantaxe de 6 puntos de Aki e desfacerse de Popolo e Marius, empatados no 10º posto da clasificación xeral.
Para investigar no acontecido na 22ª etapa da Liga da Inverneira, en Punta Candieira, preme no botón embaixo exposto.
Resultados da etapa nº 22 da VIII Liga da Inverneira, Punta Candieira