eltiempoentuojetedesafío meteorolóxico e estudo do clima

Non decepcionaLuns 10 de novembro de 2025 · por fran · Ligas

XII Liga da Inverneira8ª xornada · Muralla

Pois sí, Muralla, a 8ª etapa da Liga da Inverneira con nome de restaurante chinés, non defraudou nesta edición. Tumbou as espectativas das axencias meteorolóxicas máis coitadas, que predicían 2 ou 3 litros, e tamén as das máis audaces, cunha ducia de litros. Choveu arreo dende a sobremesa, bourou o vento e as temperaturas apenas tiveron amplitude. Uns resultados que trocan significativanebte a clasificación xeral, agás o liderato, que se mantén e incluso se confirma. Moita emoción ata o derradeiro minuto no concello coruñés de Lousame.

A temperatura mínima acadóuse na madrugada con 9º C., cumprida para o frío que predicían as axencias. Na derradeira hora da tarde acadóuse a máxima diaria con 11º C. A presencia da chuvia estaba en discusión, e os máis destemidos foron os trunfadores, podédelos ver no alto da táboa. O vento marcou un refacho máximo de bastante consideración entre lusco e fusco con 64 km/h.

E o heroe, mallando a cantidade de precipitación, foi Julio. Tremenda remontada dende a penalización de Corrubedo. Sen ela, sería o líder actual e semella o xogador máis en forma actualmente. Deixou 3 puntos na temperatura mínima e 2 no vento para un total de 55 puntazos. Supera o Top-10 para colocarse 5º empatado con Botikas, pero con menor coeficiente de vitorias. Ousado e eficaz, combinación gañadora.

E 54 puntos e mesma cantidade de chuvia para Landrán, que deixou 3 puntos na máxima, 1 na mínima e outros 2 no refacho. As temperaturas tamén xogaron moito en Muralla, pero sae deste inferno na 2ª posición dende a 5ª e con moito que pelexar co líder. Veremos se segue atinando nesta parte chuviosa do calendario.

3 participantes acadaron 52 puntos. O líder Kaltxon non errou, xogando moi ben as súas cartas en tódolos parámetros. Desfruta dunha vantaxe de 5 puntos sobre o segundo posto e semella moi sólido nesta primeira parte da competición. A 7 puntos do líder asoma Modesto, no seu mellor arranque de tempada, ilusionándose el mesmo e acadando o 3º posto, un podio merecido pola audacia exhibida. Mesmos puntos para Mina, veterana raíña predictiva que colle folgos para entrar nun Top-20 moi desputado. Pode ser un punto de inflexión nesta edición.

Tamén pode ser un punto crítico para Lume, que tamén entra no Top-20 cun punto máis que Mina e cunha traxectoria irregular que pode significar un destino mellor a partir desta etapa de Muralla, con 50 puntos.

Sumando 49 puntos, dúas damas. Beocha é a veterana que sobrevivíu a esta xornada situándose no grupo da cacheira da xeral que abre un rego co resto de persecutores. 6ª praza e opcións intactas. Cris semella que quere conquerir o título de novata do ano e abofé que está no bó camiño. Gran predicción de chuvia, con pouca sorte no resto de parámetros, que lle dan o 14º posto e unha boa achega cara o Top-10.

Estes foron os 8 competidores protagonistas desta etapa salvaxe de Muralla. Para acadar tódolos datos recollidos na oitava etapa da XII Liga da Inverneira pica na ligazón baixo este texto.

Resultados en Muralla 2025

Clima ou morte!!

← Blogue