eltiempoentuojetedesafío meteorolóxico e estudo do clima

Máis axitación da agardadaLuns 17 de xaneiro de 2022 · por fran · Ligas

VIII Liga da Inverneira17ª xornada · Calvos

Sen estar considerada coma unha etapa de “transición”, a xornada de Calvos semellaba de pouco movemento para a clasificación xeral. Pero co marxe de diferenzas tan escaso, un miserable punto pode trocar moito a cadencia agardada. Sen ocorrencia de auga e co vento moi frouxo, somentes as temperaturas poderían modificar algo no final do día. Pero na meteoroloxía amateur non existe o repouso e o clima ten o seu propio baremo de medida.

O abrente da xornada iniciou baixo 0, con 1º C. negativo, que se mantivo durante toda a noite e ameazaba a moit@s xogadores con valores máis baixos. Cara o mediodía acadábase a máxima do día con 11º C., por riba da maioría das apostas. Xa durante a semana puidemos comprobar cómo a temperatura desplomábase despois da caida do sol. Non foi distinto no domingo e a mínima baixaba ata acadar os -3º C. Este foi o parámetro decisivo tanto para a etapa en xogo coma para a Clasificación Xeral. A chuvia non fixo aparición e o vento soprou frouxo durente toda a xornada, con 20 km/h. de refacho máximo.

O derradeiro troco na estación foi o desencadeante necesario para o esclarecemento da vitoria de etapa e para o troco de líder na clasificación xeral. Botikas mallou tódolos parámetros agás o refacho de vento, onde somentes perdeu un punto para un resultado final de 59 puntos. Volve trepar ata o 5º posto despóis dunha xornada mediocre en Ancares. Ten a Juanito Caminante no punto de mira, e máis aló á cacheira da xeral, non moito máis lonxe. Ademáis, chega ata as 30 vitorias históricas.

58 puntos de Verducido, que leva pleno en temperatura nas derradeiras 3 etapas, parámetro que o eleva ata o fuciño da xeral. 1 punto sobre Xowi e 2 sobre Beocha. Julio tamén leva unha boa xeira na que érguese ata a 6ª praza, ameazando o Top-5 actual. Tamén Mina achega 58 puntos na sua tempada máis irregular e obtén un 17º posto na xeral.

Beocha suma 57 puntos e queda no 3º lugar, a 1 punto de Xowi e 2 de Verducido. Amais, colle distancia cos persecutores. Mesma puntuación para Kaltxon, loitando dende a praza 18, e Landrán, do que sempre agardamos máis, no posto 27.

Marius engade 56 puntos na conta e asómase á fiestra que da acceso ó Top-10. Outro que mellora nas alturas. Budainca e Zalamera comparten puntuación e zona de clasificación, máis aló do posto 30.

A Clasificación xeral está comandada por Verducido, cun punto de distancia con Xowi e 2 con Beocha. Unha fochanca a separa de Juanito Caminante, que mantén a 4ª praza ante os embates de Botikas e Julio. Nanuq na 7ª praza, Punteiro na 8ª, Sarabia na 9ª e Popolo pechando o Top-10 xeral. Todos el@s tiveron unha actuación discreta en Calvos.

Se queres acadar por tí mesmo tódolos datos escurridos na etapa de Calvos, pica no enlace que presentamos embaixo estas letras.

Resultados na etapa de Calvos, 17ª da VIII Liga da Inverneira

Saúdos e sorte!!!

← Blogue